Museo Etnográfico

Carpintería

Unha vez derrubada a árbore cun tronzador, procedíase o seu escadrado co machado; cando obtiñan as caras desexadas, mesmo as catro, aupaban a torada preparada enriba da ranura da burra, axudándose no outro extremo con dous puntais. Para que a madeira non se movera, asegurábase contra a burra cuns ferros especiais denominados gatos. A torada previamente marcada con liñas vermellas que sinalan os distintos fíos polos que entrará a serra, está lista para obter os tablóns. A precisión era total, valéndose dun compás e unha plomada, xa que marcaban as liñas na parte superior, na cabeza e na parte inferior, para que deste xeito os dous serranchíns guíaran a serra axeitadamente. Un traballador subía pola burra ata por riba da torada e o outro colocábase no chan, mesmo de xeonllos, para facer funcionar entre os dous a serra. Nunha primeira etapa empregouse a impresionante serra de aire e posteriormente, e nalgúns casos en convivencia, a denominada serra portuguesa. Para que a serra entrara sen dificultade empregábase unha cuña de madeira, que se introducía no fío unha vez a serra xa tiña penetrado uns centímetros.

Ademais dos carpinteiros profesionais a quen se lle encargan as pezas de execución máis complexa, existían en case todas as casas das aldeas do noso Concello un lugar destinado a arranxar as pezas de madeira máis sinxelas imprescindibles para a vida noutros tempos.