Museo Etnográfico

O muíño de aceite

Un dos produtos singulares do concello de Quiroga, debido ao seu clima especial, é o aceite. A obtención artesanal deste produto pérdese na memoria dos tempos e achéganos mesmo ata o paso dos romanos por estas terras.

Tendo en conta a orixinalidade do aceite de Quiroga, un dos grandes retos para o museo etnográfico foi contar nas súas instalacións coa maquinaria dun muíño. A empresa non foi pequena pero agora podemos ofrecer aos nosos visitantes a posibilidade de contemplar unha almazara con todas as súas pezas en funcionamento. Non se trata simplemente da exposición das pezas dun vello enxeño, senón que é un muíño de aceite listo para funcionar.