Museo Etnográfico

O Pendello

As xentes de Quiroga sempre tiveron unha estreita vinculación coa agricultura e  coa gandería. Tanto nas parroquias da montaña, como no propio val, o traballo no campo e a cría de gando supuxeron a base fundamental para o sustento dos quirogueses.

Na actualidade, a realidade é ben distinta; a diminución e o notable avellentamento da poboación no medio rural, a progresiva concentración dos veciños e veciñas na vila de Quiroga e a aparición de novas fontes de ingreso, entre outros factores, fixeron que a actividade agro-gandeira reducira a súa importancia ou desaparecera por completo.

Hoxe, salvo casos illados, o único cultivo que mantén a súa relevancia e cobra cada ano maior impulso, é o da vide.

Como non podía ser doutro xeito, os vellos aparellos de labranza foron substituídos polas máis modernas tecnoloxías e os arados de madeira, as grades, os xugos, os carros dos bois, as angarelas, etc., quedaron no esquecemento.

Nesta sala denominada “O Pendello”, que non faltaba en ningunha casa; recupérase boa parte dos elementos que noutro tempo foron unha parte salientable da vida cotiá da meirande parte dos veciños e veciñas.