Museo Etnográfico
A Castaña
Castiñeiros do val, meus castiñeiros
orfos, vellos, calados e retortos,
co toro podrecido, os brazos tortos,
alá embaixo no río e nos outeiros.
Estades desamparados e tristeiros,
sodes medio pantasmas, medio mortos
e, anque mucharon árbores e hortos,
non fumegan sequeiros en Sequeiros.
Fóronvos espulsando pouco a pouco,
fóronvos desterrando paso a paso
e acabarán quitándovos a vida.
A penas sodes nada. Só salouco
ou pinguiña de seiva envellecida
que, amargamente, agarda o seu ocaso.
Manuel María. Sonetos ao val de Quiroga.
Os castiñeiros, noutro tempo matadores da fame nestas terras, seguen chantados nos seus melancólicos soutos, mais xa non teñen a importancia pretérita. Non podían faltar nestas instalacións un espazo dedicado o proceso de secado da castaña e a súa evolución: caniceira, pisón, bandoxo, … son elementos que a xente non esquece.