SALA 3 – Os Cambios Climáticos

OS CAMBIOS CLIMÁTICOS DO CUATERNARIO

Os cambios climáticos Cuaternarios nas Montañas do Courel

As pegadas da última glaciación.

O descubrimento e exploración das covas das Montañas do Courel abriu unha fascinante fiestra para o coñecemento dos climas e ambientes do noso pasado, tanto a escala local coma global. Os espeleotemas agochados nas covas do Xeoparque constitúen rexistros paleoclimáticos excepcionais que detallaron a evolución da temperatura e humidade do noso planeta, coma é o caso da estalagmita da Cova da Arcoia que se amosa nesta sala, que comezou a medrar hai 550.000 anos.

As variacións climáticas rexistradas nas estalagmitas compáranse, entre outros, cos cambios climáticos globais, que inclúen períodos glaciares e interglaciares, e cos avances e retrocesos dos glaciares que ocuparon os cumios das Montañas do Courel no pasado. A dinámica destes glaciares plistocenos reconstruíuse a partir dos sedimentos glaciares e as formas xeomorfolóxicas que deixaron no relevo actual, coma o circo da Devesa da Rogueira. Os paneis da sala ilustran como se superpoñen ás formas actuais do relevo á antiga posición das frontes glaciares dende o momento de máxima extensión glaciar local ata o final da deglaciación, cando se formou a Lagoa da Lucenza nunha cubeta de sobreescavación glaciar. Esta lagoa rexistrou os cambios na vexetación da contorna desde os últimos 10.000 anos, incluíndo a chegada dos castiñeiros ou da agricultura hai 4.000 anos atrás.