Quiroga, territorio literario

Ernesto Guerra Da Cal
Eduardo Moreira
Anxel Fole
Manuel María
Dora e Pura Vázquez Iglesias
Padre Luis Losada

O proxecto “Quiroga, territorio literario” achéganos unha ruta literaria (pódese facer andando ou en calquera vehículo) que percorre os lugares relacionados con seis escritores que se viron, en maior o menor grao, influenciados polo microcosmos das terras quiroguesas.

Non é un proxecto pechado, para a primeira fase seleccionáronse seis recoñecidos escritores xa falecidos: Pura e Dora Vázquez, Ernesto Guerra da Cal, Eduardo Moreiras, Luis Losada, Ánxel Fole e Manuel María. A ruta dos escritores vinculados en vida e obra con Quiroga debe medrar porque non están todos os que son…

A ruta literaria dentro da proposta de museo ao aire libre “Arte no ar”, ofrece a posibilidade de coñecer lugares fondamente vinculados aos autores sinalados, por diferentes motivos: Pura e Dora Vázquez viviron en Quiroga sendo nenas; Ernesto Guerra da Cal, con familia quiroguesa, viviu coa súa tía en varios lugares da vila durante a súa nenez e adolescencia; Eduardo Moreiras naceu en Quiroga e volveu con frecuencia a estas terras para explorar vales, ríos e montañas; Luis Losada naceu no San Vitoiro do século XVIII; Ánxel Fole residiu na Veiguiña para protexer a súa integridade despois da Guerra Civil; a avoa de Manuel María era do Hospital, ademais fixo fondas amizades nestas terras que o impulsaron a dedicarlle unha marabillosa obra composta por 30 sonetos.

Incorporada na interpretación, accesible a través de calquera dispositivo móbil, pódense escoitar anacos seleccionados das súas obras, grazas á colaboración de varios veciños e, sobre todo, das comunidades educativas do CEIP e o IES de Quiroga.