SALA 4 – Primeiras ocupacións humanas de Galicia

AS PRIMEIRAS OCUPACIÓNS HUMANAS

As primeiras ocupacións Humanas de Galicia

A historia de Elba, a pastora das Montañas do Courel.

Esta sala amosa unha sinxela e xeral visión da evolución dos homínidos, sempre en revisión e debate científico, dende os nosos antepasados africanos ata o actual Homo sapiens. É unha árbore filoxenética coas diferentes especies de homínidos que xurdiron no pasado, e que se extinguiron unha tras outra, cunha única excepción: nós.

Os utensilios paleolíticos feitos en pedra descubertos na Gándara Cha, na parroquia da Ermida, a só 2 Km do Museo Xeolóxico, sitúan o Xeoparque Montañas do Courel no mapa da Prehistoria de Galicia, nunha das probables liñas de migración principais que seguían o val do río Sil. Estes utensilios, compostos por algo máis de 100 pezas, talláronse con materiais xeolóxicos da comarca (seixo, cuarcita de gran groso e fino) e traído dende afastados lugares, coma o sílex. Ademais, ilústranse os distintos modos de fabricación destas ferramentas en pedra de miles de anos de antigüidade.

Do norte das Montañas do Courel, no Concello de Pedrafita do Cebreiro, proceden os restos fósiles humanos da coñecida como Elba, a pastora do Courel, que percorreu estes montes hai uns 9.500 anos. O seu estudo, liderado polo Instituto Universitario de Xeoloxía  da Universidade da Coruña, permitiu coñecer como era en realidade Elba mediante unha reconstrución baseada no seu código xenético, preservado no ADN dos seus ósos.