Despois de catro meses de intensos traballos e numerosos contratempos o coche de Salvador Ontiveros Álvarez, veciño de Pacios de Mondelo (Quiroga), xa está restaurado e exposto no Museo Etnográfico Municipal de Quiroga.
O luns 10 de agosto de 2009 ás 13 horas, coincidindo coa feira máis importante do ano e coa XVIII Mostra do Mel de Quiroga, o coche de Salvador Ontiveros percorreu novamente a rúa principal da vila de camiño ao Museo, onde tivo lugar un acto no que os familiares propietarios do vehículo fixéronlle unha entrega simbólica ó alcalde de Quiroga para a súa exposición nas instalacións do Museo Etnográfico.
A familia de Salvador Ontiveros cedera o vehículo ao museo etnográfico xa hai máis dun ano pero ata agora no fora posible restauralo por falta de persoal para levar a cabo este traballo.
Durante uns tres meses dous traballadores do Plan Laxa adscritos ó Concello de Quiroga (Iván Vázquez Romero e Antonio Díaz de la Fuente) que realizan tarefas de conservación no museo etnográfico, asesorados polo restaurador da institución Agapito Vila, tiveron que solucionar moitos atrancos para que finalmente un dos primeiros automóbiles que circularon pola comarca quiroguesa puidera funcionar de novo e realizar un percorrido pola rúa Real de Quiroga cara ás instalacións do museo.
Este vehículo monopraza ten a particularidade de que non pertence a ningún modelo comercial concreto, xa que foi fabricado con pezas de diversa procedencia por Salvador Ontiveros, coñecido veciño de Pacios de Mondelo que faleceu no ano 2002 aos 103 anos de idade e que se distinguiu pola súa capacidade inventiva e polas múltiples actividades que desempeñou na súa vida.
A familia de Salvador Ontiveros cedeu, ademáis do vehículo, numerosas pezas relacionadas coa carpintería e unha curiosa máquina para preparar xeados para a súa exposición e conservación no museo etnográfico de Quiroga.