Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel (2019)
O Xeoparque Montañas do Courel engloba os concellos de Quiroga, Folgoso do Courel e Ribas de Sil, no sur da provincia de Lugo, e constitúe un dos grandes valores naturais e culturais de Galicia (noroeste de España).
Nos seus 578 Km2 de extensión, este territorio comprende dende o val do río Sil no sur, onde se asentan as poboacións máis grandes, ata as montañas do Courel no norte, onde se esconden máis de 50 suxestivas aldeas tradicionais.
As montañas do Courel atesouran un rico e variado Patrimonio Xeolóxico estreitamente relacionado co aproveitamento das rochas de construción, minerais industriais e outros recursos xeolóxicos, xa dende a Prehistoria.
Este Patrimonio Xeolóxico é de marcado carácter tectónico e xeomorfolóxico, no que sobresae a nivel internacional o Global Geosite denominado “Dobras deitadas das Montañas do Courel”.
O Museo Xeolóxico de Quiroga é un dos piares do Xeoparque Montañas do Courel e forma parte da súa rede de museos e centros de interpretación, coma a Aula da Natureza da Devesa da Rogueira, o centro de interpretación das Covas de Meiraos e o do ouro de Ribas de Sil.
O Museo de Quiroga inclúe os contidos xeolóxicos máis representativos da contorna ordenados do máis antigo ao máis moderno.