Museo Etnográfico

Museo Etnográfico do Concello de Quiroga

O Museo Etnográfico do Concello de Quiroga está emprazado na planta baixa do Auditorio Municipal de Quiroga, na Rúa Real da capitalidade do municipio. Descarga o folleto do museo Abriu as súas portas o día 24 de marzo do 2007 coa ilusión de investigar, recuperar, xuntar,  expoñer e polo tanto protexer o Patrimonio Cultural en todas as súas facetas. A día de hoxe a colección etnográfica do noso Museo, composta por algo máis de 1000 pezas recollidas no territorio do Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel, que une ós concellos de Folgoso do Courel, Ribas de Sil e Quiroga, é unha das coleccións etnográficas máis completas e interesantes de Galicia. Os contidos do Museo Etnográfico de Quiroga están relacionados, por unha banda, cos catro produtos típicos da comarca: o viño, a castaña, o aceite e o mel; por outra, cos catro materiais esenciais para o desenvolvemento da vida na contorna: a pedra, o ferro, a madeira e os tecidos. Tamén teñen o seu espazo, como non podía ser doutro xeito, o agro e a gandería, a estancia principal da casa: a lareira e a entrañable escola unitaria das nosas aldeas. Nestas instalacións tamén poden verse dende hai tempo un dos famosos coches de Salvador Ontiveros e a magnífica imprenta da lendaria tenda El Derroche. Todos os contidos presentes nesta colección atopan a súa síntese na recreación dunha aldea tradicional destas montañas coa exposición das maquetas que foron decorado da película galega de animación O Apóstolo, de “Artefacto Producciones”; onde pedra, madeira, ferro etc, atopan o seu lugar para facilitar a vida das xentes desta terra dura pero agradecida. https://www.youtube.com/watch?v=vzRXC0WvMCc As nosas Salas O mel Este produto, sempre moi unido ás terras do Xeoparque, non parou de evolucionar; os sistemas de produción variaron dende os primitivos cortizos ata a moderna colmea de alzas. Presentámolos nunha recreación moi particular das ancestrais alvarizas que decoran por centos as nosas montañas. A castaña Os castiñeiros seguen alzados nos seus melancólicos soutos dándolle esplendor a nosa paisaxe. Este espazo está dedicado a algo tan noso como o proceso de secado da castaña e a súa evolución ata quedar limpa e lista para consumir durante todo o ano. A adega A cultura do viño sempre estivo estreitamente ligada as partes baixas das Montañas do Courel, na cunca do río Sil. Nesta sala podemos ver a representación dunha adega tradicional con materiais e aparellos relacionados con todo o ciclo do viño, dende os coidados na viña ata a elaboración da augardente a partir do bagazo da uva unha vez separado do viño. O aceite É o produto singular do sur do Xeoparque, polo seu clima especial, as parroquias bañadas polo río Sil producen o auténtico aceite autóctono de Galicia. Un dos grandes retos para o Museo Etnográfico de Quiroga foi contar nas súas instalacións coa maquinaria dun muíño tradicional de aceite onde contar a historia do noso aceite especial. O pendello Era unha das principais dependencias da casa tradicional. Nesta sala atópanse os elementos relacionados coa agricultura e a gandería, formando parte importante da vida cotiá nun pasado non tan remoto. Madeira Recollemos as dúas fases principais do traballo coa madeira: a súa obtención no bosque e a posterior transformación polos carpinteiros. Do bosque sacábanse as táboas; despois de derrubar as árbores cun tronzador e de escuadralas co machado, upábase a torada enriba da burra, axudándose no outro extremo con dous puntais, e os serranchíns procedían a serralas empregando a serra de aire ou a serra portuguesa. As táboas chegaban ás distintas carpinterías para transformalas en todo tipo de aparellos, mobles etc. Ferro A tradición do ferro foi sempre grande nas Montañas do Courel; quince ferrerías abastecían de material ás numerosas forxas existentes nas aldeas para a fabricación de todo tipo de pezas e ferramentas deste prezado material. A lareira-dormitorio É o corazón da casa tradicional, lugar de cociña e reunión por excelencia, e o dormitorio lugar de descanso. Recóllense aquí unha mostra dos elementos imprescindibles nestas estancias. A escola Foi unha das últimas incorporacións á exposición do Museo Etnográfico de Quiroga. A recolleita de varios tipos de pupitres empregados nas vellas escolas unitarias do territorio, deu pé a pescudar nas aldeas na busca do resto dos elementos das entrañables aulas dos primeiros anos do século XX: encerado, mesa do mestre, mapas, xoguetes, libros, estufa de carbón… conforman o universo da escola querida e odiada na mesma medida. O Sector téxtil O Sector téxtil conta, tamén, cunha importante tradición no Xeoparque, sobre todo nas parroquias da montaña. La e liño traballáronse en numerosos teares como o que se exhibe no museo de Quiroga, onde se mantén viva, dende a súa apertura, a tradición das tecedeiras. A Aldea Todos os contidos presentes nesta colección teñen a súa síntese na recreación dunha aldea típica destas montañas coa exposición das maquetas que foron decorado da película galega de animación O Apóstolo, de “Artefacto Producciones”; onde pedra, madeira, ferro etc, atopan o seu lugar para facilitar a vida das xentes desta terra dura pero agradecida. Imprenta Teas, roupa, calzado e papelería foron o seu forte, pero El Derroche tivo a primeira funeraria, o primeiro estanco, despacho de material eléctrico e venda de produtos fito-sanitarios, xoguetes modernos e, por suposto, a primeira e única imprenta da comarca.

Read more

A Cultura do Viño

A cultura do viño sempre estivo estreitamente ligada as partes baixas das Montañas do Courel, na cunca do río Sil. Nesta sala podemos ver a representación dunha adega tradicional con materiais e aparellos relacionados con todo o ciclo do viño, dende os coidados na viña ata a elaboración da augardente a partir do bagazo da uva unha vez separado do viño. As variedades de uva que nos podemos atopar nesta zona son: Variedades de Uva Variedades brancas Loureira, Treixadura, Godello, Dona Branca, Branco Lexítimo, Caíño Branco, Albariño e Torrontés. Variedades tintas Mencía, Brancellao, Tempranillo, Sousón, Caíño Tinto, Caíño Longo, Caíño Bravo, Garnacha Tintureira, Mouratón, Gran Negro e Merenzao A elaboración artesanal deste produto sempre formou parte da vida cotiá das xentes da nosa bisbarra. As vides, do mesmo xeito que as oliveiras e os castiñeiros, intégranse nunha paisaxe singular e chea de contrastes. O amplio val de Quiroga encaixase nunha das denominacións de orixe protexida de viños de Galicia coñecida como Ribeira Sacra, concretamente a subzona Quiroga-Bibei. Como se dí que o Miño leva a fama e o Sil a auga en Quiroga sucede algo similar pois a maior produción de viño da Ribeira Sacra producese nestas terras. Sendo así, en Quiroga podemos encontrarnos con diferentes bodegas pertencentes a denominación de orixe protexido.

Read more

A Castaña

Os castiñeiros seguen alzados nos seus melancólicos soutos dándolle esplendor a nosa paisaxe. Este espazo está dedicado a algo tan noso como o proceso de secado da castaña e a súa evolución ata quedar limpa e lista para consumir durante todo o ano. Castiñeiros do val, meus castiñeiros orfos, vellos, calados e retortos, co toro podrecido, os brazos tortos, alá embaixo no río e nos outeiros. Estades desamparados e tristeiros, sodes medio pantasmas, medio mortos e, anque mucharon árbores e hortos, non fumegan sequeiros en Sequeiros. Fóronvos espulsando pouco a pouco, fóronvos desterrando paso a paso e acabarán quitándovos a vida. A penas sodes nada. Só salouco ou pinguiña de seiva envellecida que, amargamente, agarda o seu ocaso. Manuel María. Sonetos ao val de Quiroga.

Read more

A Madeira

Recollemos as dúas fases principais do traballo coa madeira: a súa obtención no bosque e a posterior transformación polos carpinteiros. Do bosque sacábanse as táboas; despois de derrubar as árbores cun tronzador e de escuadralas co machado, upábase a torada enriba da burra, axudándose no outro extremo con dous puntais, e os serranchíns procedían a serralas empregando a serra de aire ou a serra portuguesa. As táboas chegaban ás distintas carpinterías para transformalas en todo tipo de aparellos, mobles etc.

Read more

O coche de Salvador Ontiveros Álvarez

Despois de catro meses de intensos traballos e numerosos contratempos o coche de Salvador Ontiveros Álvarez, veciño de Pacios de Mondelo (Quiroga), xa está restaurado e exposto no Museo Etnográfico Municipal de Quiroga. O luns 10 de agosto de 2009 ás 13 horas, coincidindo coa feira máis importante do ano e coa XVIII Mostra do Mel de Quiroga, o coche de Salvador Ontiveros percorreu novamente a rúa principal da vila de camiño ao Museo, onde tivo lugar un acto no que os familiares propietarios do vehículo fixéronlle unha entrega simbólica ó alcalde de Quiroga para a súa exposición nas instalacións do Museo Etnográfico. A familia de Salvador Ontiveros cedera o vehículo ao museo etnográfico xa hai máis dun ano pero ata agora no fora posible restauralo por falta de persoal para levar a cabo este traballo. Durante uns tres meses dous traballadores do Plan Laxa adscritos ó Concello de Quiroga (Iván Vázquez Romero e Antonio Díaz de la Fuente) que realizan tarefas de conservación no museo etnográfico, asesorados polo restaurador da institución Agapito Vila, tiveron que solucionar moitos atrancos para que finalmente un dos primeiros automóbiles que circularon pola comarca quiroguesa puidera funcionar de novo e realizar un percorrido pola rúa Real de Quiroga cara ás instalacións do museo. Este vehículo monopraza ten a particularidade de que non pertence a ningún modelo comercial concreto, xa que foi fabricado con pezas de diversa procedencia por Salvador Ontiveros, coñecido veciño de Pacios de Mondelo que faleceu no ano 2002 aos 103 anos de idade e que se distinguiu pola súa capacidade inventiva e polas múltiples actividades que desempeñou na súa vida. A familia de Salvador Ontiveros cedeu, ademáis do vehículo, numerosas pezas relacionadas coa carpintería e unha curiosa máquina para preparar xeados para a súa exposición e conservación no museo etnográfico de Quiroga.

Read more

O Pendello

O pendello era unha das principais dependencias da casa tradicional. Nesta sala atópanse os elementos relacionados coa agricultura e a gandería, formando parte importante da vida cotiá nun pasado non tan remoto. As xentes de Quiroga, sempre tiveron unha estreita vinculación coa agricultura e a gandería. Tanto nas parroquias da montaña, como no propio val, o traballo no campo e a cría de gando, supuxeron a base fundamental para o sustento dos quirogueses.  Na actualidade, a realidade e ben distinta; a disminución e o notable avellentamento da poboación no medio rural, a progresiva concentración dos veciños na vila de Quiroga e a aparición de novas fontes de ingreso, entre outros factores, fixeron que a actividade agro-gandeira reducira a súa importancia ou desaparecera por completo. Hoxe, salvo casos illados, o único cultivo que mantén a súa relevancia e cobra cada ano maior impulso, é o da vide. Como non podía ser doutro xeito, os vellos aparellos de labranza foron substituidos polas máis modernas tecnoloxías e os arados de madeira, as rastras, os xugos, os carros dos bois, as angarillas, etc, quedaron no esquecemento. Nesta sala denominada “O Pendello“, que non faltaba en ningunha casa, recupérase boa parte dos elementos que noutro tempo foron unha parte salientable da vida cotiá da meirande parte dos veciños.

Read more

Outras salas

SALA DE CATAS Espacio dedicado á cata do viño e demais productos típicos que teñen acollida no museo. Nas paredes desta sala poden verse: Galería de Alcaldes (respaso visual e documental sobre os alcaldes de Quiroga dende o ano 1890). AULA DE AUDIOVISUAIS Espacio multimedia, con capacidade para 15 persoas, dedicado a mostrar mediante audiovisuais distintos aspectos sobre o funcionamento dos distintos aparellos que ocupan as salas do museo. Viaxa mediante sorprendentes imaxes ós distintos procesos de elaboración dos productos artesanais elaborados en Quiroga, coñece o medio natural no que se desenvolven estas actividades ou achégate ó Patrimonio Histórico, Artístico e Cultural, desta terra de contrastes. PANEIS EXPLICATIVOS Existen multitude de elementos singulares do contorno quirogués que pola súa propia natureza non poden ser expostos nas salas do museo. Como non podía faltar algún tipo de referencia a unha serie de elementos imprescindibles para comprender o noso medio, aparecen representados en modernos e didácticos paneis explicativos que permitirán unha posterior visita moito máis completa no seu propio lugar de emprazamento.

Read more

Datos de interese do Museo Etnográfico de Quiroga

INFORMACIÓN E CONTACTODirecciónAuditorio Municipal, Rua Real, s/n Quiroga Lugo Email contactocultura.quiroga.quiroga@eidolocal.esHorarioACTUALIZADO MAIO 2022Luns a venres de 13:00 a 14:00.Sábados, domingos e festivos de 13:00 a 14:00h. Calquera hora e calquera día, previa cita para grupos de 10 ou máis persoas, chamando ao 982 435 125 ou no correo cultura.quiroga.quiroga@eidolocal.esPrezo1 €

Read more