Manuel María

“Val de Quiroga, país marabilloso”

OUH SOMBRÍO HOSPITAL DE FÉRTIL CHAN!


Relator:Manuel María

VIÑO QUIROGUÉS, GUSTOSO DE BEBER


Relator: Xosé Espinosa

PÍDOCHE A TI, QUIROGA, OS TEUS OUTONOS


Relator: Xosé Estévez

O LOBO


Relatores: Marta Castro, Samuel Pol, Salvador Gómez e Cesar López de 4 E.P CEIP Quiroga

QUIROGA, FALOCHE A TI


Relatoras: Claudia Blanco, Irene Arza, Sergio González e Pilar Váquez, de 4 E.P CEIP Quiroga

VELLO SIL


Relatoras: Ainoa García, Leire Ocampo, Inyanara Nicol Pires e Leo Afonso, de 3 E.P CEIP Quiroga

MANUEL MARÍA

  • Nacemento: Outeiro de Rei, 1929
  • Falecemento: A Coruña, 2004
  • Obras destacadas:

                –Morrendo a cada intre (1952)

                –Terra Chá (1954)

                –Libro de pregos (1962)

                –Poemas ao outono (1977)

                –Catavento de neutrós domesticados (1979)

                –Sonetos ao Val de Quiroga (1988)

                –Compendio de orballos e incertezas (1991)

  • Profesión: Escritor, libreiro, procurador, político.
  • Membro da Real Academia Galega, 1970-1975 (Renuncia ao entender que a institución non estaba á altura do momento histórico.  
  • Día de las Letras Galegas 2016

A bisbarra quiroguesa foi unha referencia vital para o autor da Terra Chá, que estaba ligado a ela por orixe familiar. A súa avoa materna, Consuelo Casanova Neira, era filla do administrador da Torre Penela (actualmente Casa de Tor), no Hospital. En distintas ocasións alude na súa obra a esta muller que sabía ler, ben pouco común na época, e que, preto de Lugo, onde casou, era coñecida como A Quiroguesa.

Dende 1958, o escritor exerceu de procurador en Monforte, polo que acudía con certa frecuencia a San Martiño pola súa actividade laboral, ademais de polas súas relacións persoais. No pregón das festas de Ribas de Sil de 1985 confesa que sempre amou a “terra de Quiroga e de San Clodio como a súa propia” e engade que o seu instinto foino achegando á contorna da estirpe materna.

Se ben a presenza deste espazo xeográfico é moi significativa na súa obra, non é un motivo literario sen máis, como demostra o feito de teren sido multados el e a súa dona, Saleta Goi, por opoñerse á instalación dunha celulosa en Quiroga no 1976. Dous anos despois, o grupo Achádego estreou o seu Auto dos simulados da caravilla na vila. A localidade correspondeu á súa lealdade ao nomealo ‘Amigo de Quiroga’, en 1991.

A súa amizade con Xosé Estévez e Maribel Goñi serviu de alicerce para a publicación en 1988 dos Sonetos ao Val de Quiroga. O limiar escribiuno o historiador quirogués, a petición do autor, e conta coas ilustracións de Xosé Teixelo “Pin”, pintor quirogués a quen tamén lle dedicou un soneto, malia non estar incluído nese conxunto poético. Os trinta poemas que compoñen esta obra son unha impresionante homenaxe á paisaxe, aos costumes e ás xentes da contorna.

A este poemario, reeditado en 2016 con debuxos de escolares do val, pertence esta composición:

A miña avoa Consuelo, A Quiroguesa,
era leda, risoña e faladora:
a súa musical verba cantadora
no meu corazón vai, fidel e acesa.

Era verba que non se leva agora,
cunha raíz anterga e montañesa,
un murmurio de vento na devesa,
claridades de río e luz de aurora.

E sentín florecer como a cerdeira
unha forte, escurísima inquedanza,
cunha paixón profunda e verdadeira.

É que levaba a Quiroga na lembranza
como se leva un destino, unha bandeira,
un ensoño que se ama e non se alcanza.

(Sonetos ao Val de Quiroga, 1988)