O Pendello

O pendello era unha das principais dependencias da casa tradicional.

Nesta sala atópanse os elementos relacionados coa agricultura e a gandería, formando parte importante da vida cotiá nun pasado non tan remoto.

As xentes de Quiroga, sempre tiveron unha estreita vinculación coa agricultura e a gandería. Tanto nas parroquias da montaña, como no propio val, o traballo no campo e a cría de gando, supuxeron a base fundamental para o sustento dos quirogueses.
 
Na actualidade, a realidade e ben distinta; a disminución e o notable avellentamento da poboación no medio rural, a progresiva concentración dos veciños na vila de Quiroga e a aparición de novas fontes de ingreso, entre outros factores, fixeron que a actividade agro-gandeira reducira a súa importancia ou desaparecera por completo.
 
Hoxe, salvo casos illados, o único cultivo que mantén a súa relevancia e cobra cada ano maior impulso, é o da vide.
 
Como non podía ser doutro xeito, os vellos aparellos de labranza foron substituidos polas máis modernas tecnoloxías e os arados de madeira, as rastras, os xugos, os carros dos bois, as angarillas, etc, quedaron no esquecemento.
 
Nesta sala denominada “O Pendello“, que non faltaba en ningunha casa, recupérase boa parte dos elementos que noutro tempo foron unha parte salientable da vida cotiá da meirande parte dos veciños.